O Advento é un tempo de espera, pero, á vez, de procura, de estar vixiante, de prepararse para descubrir cousas marabillosas e formar parte da historia máis fermosa xamais contada. Esta semana comeza este tempo litúrxico no que nos preparamos para a chegada do Salvador. Mara, unha intrépida nena, levaranos a vivir unha aventura que pode cambiar a túa vida se estás disposto a iso. Mara ten unha misión: atopar distintos obxectos, que lle van permitir descubrir a gran Verdade. Queres acompañala e axudala nesta misión? Esta semana, (coidado spoiler), Mara atopa unha Biblia, e nela pode ‘reencontrarse’ coa Palabra de Deus. A Palabra pode ser un marabilloso instrumento para achegarnos ao Neno Deus. A súa mensaxe é unha mensaxe actual, que podo aplicar no meu día a día. Podemos lela, meditala e pensar que me di ao meu hoxe. Podémonos propoñer, como obxectivo neste tempo, ler cada día o Evanxeo que toque e meditar aínda que só sexan uns minutos. É curioso que na Biblia, non imos atopar literalmente o termo ADVENTO, pero si atoparemos moitas pasaxes do que significa e o que quere suscitar en nós: debemos ter unha actitude vixiante ante a chegada do Mesías. De feito, a frase coa que culmina a Boa Noticia deste domingo é moi clara respecto diso: “Por iso, estade tamén vós preparados, porque á hora que menos pensedes vén o Fillo do home”.