Hoxe, Mércores de Cinza, comeza a Coresma, unha oportunidade máis para escoitar o teu corazón. É Deus, o noso Pai, quen non deixa de falarnos, quen nos convida insistentemente a vivir unha vida en plenitude como a que viviu Xesús de Nazaret, entregándose xenerosamente aos demais sen ter en conta o apelido, a raza ou a clase social. Todos son chamados a recibir a misericordia de Deus e, en especial, os nosos irmáns máis desfavorecidos, que son os primeiros invitados á “MESA”.

A Coresma é unha oportunidade máis para a conversión persoal. A graza da fe fainos testemuñas do sufrimento de Xesús e ser a voz de tantos “cristos crucificados” que esperan de nós a mirada compasiva e a axuda samaritana. Cristo entregou a súa vida polo inmenso amor que tiña aos seus contemporáneos e espera de nós que sigamos o seu ronsel e acompañemos con paciencia a tantas persoas, que se atopan estacionadas en encrucilladas, sen rumbo fixo.

A Coresma non é un tempo de tristeza, é un camiño de alegría, porque ao final espéranos Xesús Resucitado, Aquel que venceu á morte e que nos indicou o camiño da felicidade e a salvación. Como dixo o Papa Francisco : «Mira os brazos abertos de Cristo crucificado e déixate salvar unha e outra vez…”

A todos os que formamos parte da Fundación Educativa Franciscanas Ana Mogas, ”feliz viaxe”. Na estación da Pascua celebraremos a gran Festa do Mestre Resucitado.