Este domingo celebramos Pentecoste, a festa que nos fai revivir os inicios da Igrexa. Cincuenta días despois da Pascua, na casa onde se atopaban os discípulos de Xesús, este apareceuse e díxolles: «Paz a vós. Como o Pai me enviou, así tamén vos envío eu.» E, dito isto, exhalou o seu alento sobre eles e díxolles: «Recibide o Espírito Santo».

Isto supuxo un cambio para os presentes, encheulles de alegría e fíxolles poñerse en marcha e anunciar a Boa Nova de que Xesús resucitara. Ademais, este feito transformou as súas vidas, e animounos a vivir tal e como Xesús lles ensinara.

O Espírito Santo é unha forza motora, que nos acompaña e nos cambia, que nos axuda a seguir adiante e que nos permite proclamar o Evanxeo. A súa presenza na nosa vida fai que a mensaxe de Xesús siga presente e chegue a cada recuncho e a cada persoa.

El, foi o que iluminou a María Ana para que cumprira a súa vocación e comezara un novo camiño: educar con “amor de nai”. E segue presente no noso día a día, nos nosos colexios, e fai que o labor evanxelizador dos nosos centros continúe, permitindo que cada alumno e cada alumna coñeza o Amor que Deus nos ten.