Pastoral

María Ana Mogas

María Ana Mogas Fontcuberta (1827-1886) foi a fundadora das Franciscanas Misioneiras da Nai do Divino Pastor. Dende os seus  primeiros anos profesou un gran amor á Virxe, baixo a advocación da Divina Pastora.

Aínda que a súa existencia non foi fácil, pola perda temperá dos seus pais, rexeitou unha vida de comodidade para seguir a chamada de Deus ao seu servizo, en fidelidade ao carisma de San Francisco de Asís.

Muller inclinada a facer o ben, destacou polas súas numerosas actividades sociais, relixiosas e benéficas.

En 1850 funda as Franciscanas Misioneiras da Nai do Divino Pastor, congregación que, na actualidade, esténdese por países de tres continentes (Europa, América e África) con labores educativos e de atención sanitaria.

Coa confianza na oración, María Ana déixase guiar polo Señor para ir fundando ao longo da súa vida diferentes Colexios.

O seu lema foi “Amádevos. Caridade, caridade verdadeira. Amor e sacrificio” e os valores da súa proposta seguen vixentes nos nosos Colexios.

O 6 de outubro de 1996 foi beatificada polo papa Xoán Paulo II.

San Francisco De Asís

(1182-1226) Fundador da orde franciscana, é unha das grandes figuras da historia da Igrexa.

Fillo dun rico comerciante, pasou a vivir na máis rigorosa pobreza e cos Evanxeos como norma de vida.

Foi canonizado pola Igrexa en 1228 e a súa festividade celébrase o 4 de outubro.

Divina Pastora

A  Virxe, baixo a advocación da Divina Pastora, dende os tempos da nosa fundadora, está presente nos lugares onde se reúnen as irmás e onde están presentes na súa faceta de educadoras.

De María Ana dicían que “era moi devota da Divina Pastora. Cando algunha nena se portaba mal, levábaa diante da súa imaxe para pedir perdón; logo sacaba doces do zurrón que tiña colgado.”

Tal era a devoción da nai Mogas que cariñosamente chamaba á Divina Pastora “a Suprema Abadesa”. Dela admiraba a  súa fidelidade, o modelo de vida e de entrega ao plan de Deus, a súa consagración a Xesús e a unión con este.

Experiencia transcendente

Traballamos a dimensión espiritual dos nosos alumnos para que contemplen a vida como un regalo, atopen un desfrute na experiencia cotiá, conten cun sistema de valores e descubran a Xesús, Fillo de Deus, como fonte que aporta sentido á súa vida.

Posibilitamos aos nosos alumnos experiencias que lles axuden a escoitar no seu interior e descubrir todo o bo que hai neles, a través da reflexión e da educación da interioridade, do silencio e do acercamento á Palabra de Deus.

Oratorios

Os oratorios son unha experiencia onde o alumnado vai, pouco a pouco, aprendendo a necesidade do silencio interior como actitude fundamental para atoparse con eles mesmos e con Deus. É un proxecto que incide no máis profundo do ser, no corazón, e disponnos para abrirnos ó Misterio de Deus a través da súa Palabra. Iníciase en 5 anos e ten continuación ata 4º de primaria.

Espertar relixioso

Os proxectos de ensinanza da relixión nas etapas iniciais posibilitan a aprendizaxe significativa do alumnado, partindo das súas experiencias e vivencias, empregando metodoloxías, técnicas e estratexias que facilitan o acceso ós contidos; a utilización das narracións, a educación en valores como o respecto, a responsabilidade ou a convivencia, o aprender a pensar… son aprendizaxes útiles que, unidas a un compoñente lúdico e ó estreito vínculo entre as aulas e as familias, facilitan o desenvolvemento das competencias e contribuen a unha formación integral do noso alumnado. Grazas ao espertar relixioso proponse ás familias un acercamento a Deus, a través dos seus fillos/as.

Boa Noticia

Con este proxecto pretendemos que o profesorado e as familias, a través da lectura e a reflexión do Evanxeo dominical, comprendan e entendan dunha forma máis completa o seu contexto histórico, o seu simbolismo, as referencias ao Antigo Testamento.. extraian as ideas fundamentais do texto e as fagan vida.

Interioridade

Temos a responsabilidade, como Fundación Educativa, de traballar a procura do sentido, a experiencia e vivencia do Misterio que habita en cada un e no mundo que nos rodea. Educar a interioridade é ensinar a mirar cara a dentro e para iso é preciso aprender a coñecer o mundo, tendo claro que dentro de cada un tamén hai un mundo interior por descubrir. O seu coidado é fundamental para a aprendizaxe e o desenvolvemento integral; facelo, implica acompañalos para que se recoñezan, se acepten, respecten, tomen conciencia e se responsabilice do que sucede na súa contorna para transformar o mundo que os rodea desde a coherencia, o respecto e a solidariedade. Participan no desenvolvemento do proxecto de interioridade diferentes áreas curriculares para posibilitar a aprendizaxe do aprender a sentir, escoitar, admirar e descubrir desde o corazón; ao mesmo tempo que dotamos o noso alumnado de ferramentas que lles axuden a percibir, comprender, manexar e empregar as súas emocións.

Experiencia fraterna

Favorecemos nas nosas escolas un estilo de convivencia que aspira ás relacións fraternas apoiadas no respecto, a empatía, a acollida e a sinxeleza, potenciando un ambiente de diálogo e de comunicación efectiva e afectiva.

Experiencia solidaria

Educamos os nosos alumnos na toma de conciencia das necesidades alleas, na compasión e n0 compromiso para contribuír altruistamente na adquisición do ben común para todas as persoas.

Para iso desenvolvemos proxectos de voluntariado e campañas solidarias dentro e fóra do ámbito escolar, no que os nosos alumnos viven experiencias de asistencia aos demais e comprométense cos máis desfavorecidos.

Experiencia de formación na fe

Educamos os nosos alumnos para que afonden no misterio da persoa que camiña cara a fe e promovemos o diálogo fe, cultura e vida a través da Ensinanza Relixiosa Escolar.

Contemplamos unha pastoral sistémica e de procesos onde os nosos alumnos e antigos alumnos teñen a oportunidade de iniciar un camiño de catequese que lles permite medrar na fe en Cristo. Peza fundamental son os educadores, axentes de pastoral, aos que axudamos no seu crecemento persoal e de fe. Desde o proxecto de Misión Compartida favorecemos a súa identificación co ideario do centro e animámolos a que se comprometan na transmisión dos valores do Evanxeo e co estilo educativo franciscano.